mércores, 27 de xullo de 2016



RESUMO E REFLEXIÓN SOBRE O MARCO CONCEPTUAL - ALICIA LEAL FARIÑA


Para poder traballar en Orientación laboral é moi importante coñecer o marco conceptual no que se sustenta. Dito marco conceptual ven encadrado en 5 grandes áreas que o/a orientador/a debe coñecer.


Ditas áreas son:

MARCO DE REFERENCIA




O marco de referencia no que se basea a Orientación laboral son o Sistema Nacional de Emprego, as Políticas de Emprego e a Estratexia Europea de Emprego 2020.


Son tres pilares fundamentais que establecen o desenvolvemento das accións de Orientación e as medidas de apoio ás persoas desempregadas para aumentar a súa empregabilidade, sacalas da situación de vulnerabilidade na que se atopan e insertalas de novo no mercado laboral.

O Sistema Nacional de Emprego crea, desenvolve e fai o seguemento das políticas de Emprego; composta polo SEPE e os servizos de emprego de cada Comunidade Autónoma (SPEG, LANBIDE, SAE,…) delega as competencias de emprego en cada unha delas para que as poña en marcha tendo en conta as características demográficas, sociolóxicas e económicas de cada zona.

Por outra banda, temos as Políticas de Emprego que podemos dividir en tres grandes grupos:


  • Políticas activas: Son os programas e medidas de orientación, emprego e formación cuxo obxecto é mellorar o acceso ao emprego.
  • Políticas pasivas: Son as axudas económicas cuxo obxecto é protexer ás persoas desempregadas substituíndo as rendas obtidas polo traballo para que poidan manter certo nivel de ingresos.
  • Medidas para favorecer a contratación estable: Modificando os contratos e os beneficios das empresas para motivar un aumento da contratación, sobre todo, a aqueles colectivos con máis dificultades de inserción.



Con respecto á Estratexia Europea de Emprego 2020 é un programa que se desenvolve en todo o Espazo Europeo e trata de acadar unha serie de obxectivos, que actúan como guía de todos os estados membros, para solventar a crise e preparar a Europa para o futuro.





Ditos obxectivos son:

  1. O 75% da poboación (entre 20 e 64 anos) debería estar empregada.
  2. O 3% do PIB da UE debería ser investido en I+D.
  3. Debería alcanzarse o obxectivo «20/20/20» en materia de clima e enerxía (incluído un incremento ao 30% da redución de emisións se se dan as condicións para iso.
  4. A porcentaxe de abandono escolar debería ser inferior ao 10% e, polo menos, o 40% da xeración máis nova debería ter estudos superiores completo.
  5. O risco de pobreza debería ameazar a 20 millóns de persoas menos.



O MERCADO LABORAL




Outro tema fundamental no bo desenvolvemento da Orientación laboral é ter un profundo coñecemento do mercado laboral da zona de influencia.


A evolución do mercado laboral é resultado de dúas variables: 
  • A oferta: Refírese á poboación activa (ocupados + desempregados) que está determinada por factores demográficos, sociais, fluxos de entrada e saída de emprego e fluxos de entrada e saída da poboación activa.
  • E a demanda: Que representa a cantidade de persoal que as empresas están dispostas a contratar.

Actualmente estamos ante un desequilibrio de demanda polo número tan elevado de parados que hai agora mesmo. As empresas, que todavía subsisten a pesares da crise e de que tiveron que reducir plantilla e gastos, non poden contratar xente, aínda que quixeran facelo, porque non poden plantexarse ter outros gastos dos que xa está tendo. 

A oferta de postos é insuficiente para absorber toda a demanda existente, é dicir, que hai un posto de traballo para centos de traballadores.

Para coñecer a situación da nosa zona de influencia debemos consultar os Indicadores do mercado que podemos obter a través da Enquisa de Poboación Activa, Taxa de actividade, Taxa de paro e Taxa de emprego. 

Estes desequilibrios entre oferta e demanda provocan situacións de DESEMPREGO. Existen 4 tipos de desemprego:

  • Estrutural: Os empresarios buscan un perfil profesional que non pode ser cuberto coa demanda de emprego existente. Aquí xurden as denominadas Profesións de difícil cobertura. 
  • Friccional: Refírese a personas que, puidendo estar traballando, desexan tomarse un tempo para descansar, estudar ou atopar un posto de traballo mellor que o anterior.
  • Cíclico: Aumenta sustancialmente durante as épocas de recesión, debido ao empeoramento das condicións económicas; mentras que diminúe nas etapas de expansión, debido á mellora da economía. O caso do sector da construción.
  • Estacional: Ten a súa razón de ser na existencia de certas actividades profesionais que so requiren man de obra en determinadas épocas do ano. Como é o caso da hostalaría nas zonas de veraneo. A única alternativa para suavizar este tipo de desemprego está na diversificación da estrutura produtiva, co obxectivo de non depender excesivamente das actividades estacionais.



Hoxe por hoxe atopámonos cun mercado laboral cambiante e dinámico que, nos últimos anos, sufreu importantes transformacións tanto no aspecto sociolóxico como económico e tecnolóxico. Ditos cambios propiciaron a desaparición duns traballos e a creación doutros, os denominados nichos de emprego, que cumpren certas características:

  1. Cubrir determinadas necesidades sociais que non se atopan satisfeitas. 
  2. Xerarse e adoptar a súa configuración no que chamamos mercados incompletos.
  3. Posuír ámbitos de produción ou prestación de servizos verificables e definidos localmente. 
  4. E posuír un potencial real de xeración de traballo.


A CERTIFICACIÓN E FORMACIÓN PROFESIONAL




Na nosa labor de Orientación traballamos e usamos termos que, ás veces, tratámolos como sinónimos aínda que non o son, é o caso de Competencia e Cualificación.


A competencia é o conxunto de coñecementos e capacidades que permiten o exercicio dunha actividade profesional; mentres que a cualificación é o conxunto de competencias que permiten dar resposta a ocupacións e postos de traballo e que poden adquirirse a través da formación ou da experiencia laboral.

A estrutura dunha Cualificación profesional é




O Sistema Nacional de Cualificacións é o conxunto de instrumentos e accións necesarios para promover e desenvolver a integración das ofertas da formación profesional, mediante o Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais que recolle as 26 familias profesionais existentes divididas en cinco niveis de cualificación.

O Instituto Nacional de Cualificacións (INCUAL) é o responsable de definir, elaborar e manter actualizado dito Catálogo e o correspondente Catálogo Modular da Formación Profesional.

O correlativo na Unión Europea é o EQF (Marco Europeo de Cualificacións) que é o marco común de referencia que relaciona entre si os sistemas de cualificacións dos países e serve de mecanismo de conversión para mellorar a interpretación e comprensión das cualificacións dos estados membros.

Na nosa comunidade autónoma temos o Instituto Galego das Cualificacións creado no 1999 que conta cun Observatorio que proporciona información sobre a evolución da demanda e da oferta das profesións, ocupacións e perfís no mercado laboral. 

Un proceso moi importante no que o/a orientador/a debe informar e asesorar é na Acreditación de Competencias, dado que na actualidade existen moitos desempregados que teñen moita experiencia laboral pero ningún título que a acredite. 

Este proceso consta de tres fases:
  1. Asesoramento.
  2. Avaliación.
  3. Acreditación e rexistro da competencia profesional.

Existen dúas vías desenvolvidas por dous ministerios diferentes:

Os dous procedementos son similares e ao superar a última fase obteñen unha acreditación de unidades de competencia que o poden levar a obter un Certificado de profesionalidade ou, se completa os módulos que lle falten, unha titulación de FP.




















Os certificados de profesionalidade acreditan con carácter oficial as competencias profesionais que capacitan para o desenvolvemento dunha actividade laboral.


POLÍTICA SOCIAL E DE EMPREGO NA UNIÓN EUROPEA




O formar parte dun Espazo Económico Común fainos ter unha serie de dereitos e obrigas cos demáis estados membros.


A Unión Europea e os gobernos dos estados membros comparten a responsabilidade nas políticas de emprego, asuntos sociais e inclusión. A Unión Europea (UE) apoia e complementa os esforzos dos estados membros co financiamento de diversos programas a través de distintos fondos.

Ditos fondos son:

FONDO SOCIAL EUROPEO (FSE): Creado para promover o emprego e o desenvolvemento dos recursos humanos en todos os países da Unión e corrixir o desequilibrio entre as rexións máis ricas e as menos desenvolvidas.

Realmente tratase dun cofinanciamento posto que o apoio financeiro da UE sempre vai parello a un financiamento nacional público ou privado, polo tanto existe unha xestión compartida desde o inicio, pero a execución é responsabilidade das autoridades de cada estado membro.

FONDO EUROPEO DE ADAPTACIÓN Á GLOBALIZACIÓN (FEAG): Axuda aos traballadores a atopar emprego e desenvolver novas competencias cando perderon o seu posto de traballo a consecuencia de cambios nas pautas comerciais mundiais.


PROGRAMA EaSI: Promove un alto nivel de calidade e de emprego sostible, garantir unha protección social adecuada, loita contra a exclusión social e a pobreza e mellora das condicións de traballo.

Este programa ten tres eixos:


a) PROGRESS – Trata de mellorar as políticas de emprego, en particular a loitar contra o desemprego xuvenil, protección social, inclusión social e a redución e prevención da pobreza e as condicións laborais.


b) REDE EURES - Apoia e asesora aos traballadores e empresas que queren desempeñar a súa labor profesional nalgún dos estados membros.


c) Microfinanciamento e Emprendemento Social – Apoia accións para incrementar o acceso aos microcréditos e micropréstamos para grupos vulnerables que desexen crear ou desenvolver os seus negocios e para o desenvolvemento de empresas sociais.





INICIATIVA EMPRENDEDORA




Unha alternativa ao desemprego é o emprendemento, a análise do mercado actual permite comprobar que, cada vez máis, os españois materializan a súa intención emprendedora nun novo proxecto empresarial, a pesar de que a nosa sociedade adoece de certas carencias.


No proceso de creación de empresas interveñen tres elementos:

  • A IDEA – Qué actividade emprender?
  • A PERSOA EMPRENDEDORA – Quen e por que?
  • O PLAN DE EMPRESA – Como se vai poñer en marcha?

Alexander Osterwalder (2011) elaborou un modelo de negocio, CANVAS, que permite confeccionar deseños empresariais e validar as posibilidades de éxito.

Este modelo trata de responder a catro cuestións básicas: 

  1. Como? (Infraestrutura)
  2. Que? (Oferta)
  3. Quen? (Clientes)
  4. Canto? (Finanzas).
Non todo o mundo está capacitado para ser empresario; por en marcha un proxecto esixe unhas características personais e profesionais específicas. Ser emprendedor significa, ademáis, ter unha motivación e contar cunha situación financeira que o permita.

A rasgos xerais, un emprendedor debería posuír as seguintes cualidades:

  • Creativo e innovador.
  • Claridade de ideas.
  • Capacidade de afrontar e asumir riscos.
  • Capacidade de adaptarse a situacións novas.
  • Saber priorizar.
  • Capacidade de comunicar e socializar.
  • Tenacidade e perseverancia.
  • Flexibilidade e capacidade para adaptarse ás circunstancias.
  • Optimista.

REFLEXIÓN PERSOAL


O primeiro módulo que acabo de resumir paréceme fundamental para o desenvolvemento da nosa tarefa como Orientadores/as, dado que antes de iniciar a nosa actividade é imprescindible que esteamos informados sobre a situación do mercado laboral, os sectores produtivos da zona onde imos traballar, o tipo de formación ou cualificación que se pode acadar, as axudas ou programas que se poden poñer en funcionamento e as posibilidades e oportunidades para a creación de novas empresas ou servizos.

Partindo desta base poderemos facilitar aos nosos/as usuarios/as unha orientación de calidade e adaptada ás circunstancias reais do individuo e do seu contorno, con vistas a unha posible inserción estable no tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario